Colección

A miña primeira viaxe

Paloma Sánchez Ibarzábal & Massimiliano di Lauro

ISBN 978-84-9871-371-8

16,00

Cantidade:
INFORMACIÓN
  • Paxinas 40 páxs.
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 22x28 cm
  • Publicación febreiro 2012

Viaxo feliz dentro desta nave. TUM-TUM…TUM-TUM. É o son dos motores. Non teño compás nin mapas para guiarme. Un día abrín os ollos e estaba aquí, viaxando para algunha parte. Como cheguei á miña cápsula? Non me lembro… Onde vou? Non sei…

 


Descrición

Viaxo feliz dentro desta nave. TUM-TUM…TUM-TUM. É o son dos motores. Non teño compás nin mapas para guiarme. Un día abrín os ollos e estaba aquí, viaxando para algunha parte. Como cheguei á miña cápsula? Non me lembro… Onde vou? Non sei…

 

Que supón nacer? A miña primeira viaxe é a historia do comezo da vida humana narrada en primeira persoa polo protagonista: un bebé no ventre materno. Un bebé que viaxa dentro do que el percibe como unha cápsula na cal percorre un universo descoñecido. Sabe que iniciou unha viaxe pero non sabe cara a onde. Dentro desa nave, o latexo do corazón da nai, que interpreta como son de motores, dálle seguridade.

A través dunha linguaxe onírica e poética, o lector vai acompañando o bebé e facendo súa esa viaxe de transformación, de procura da súa propia identidade: “Non son paxaro. Non son peixe. Non sei moi ben que son”, percibindo con el a interpretación dun mundo que non ve, que só lle chega a través “dun río que o baña nas súas historias”.

Paloma Sánchez crea metáforas que mergullan o lector nunha especie de xogo e que nos permiten abandonar a lóxica para deixarnos levar por sensacións, a través das cales se formulan grandes preguntas: onde imos?, de onde vimos?, que somos?, que é nacer?, nacer é como morrer? Ao longo do libro vaise intuíndo un mundo onde hai alegrías e tristezas. Desde a súa óptica particular, o protagonista comprende que “o choro é o idioma que se fala cando non se entende o mundo”. Percibe sensacións como o medo, a dúbida, a curiosidade e tamén a esperanza. Pero un día a nave estrágase e é expulsado. Sente medo: “que atoparei aí fóra? se saio morrerei?”. En certo xeito, o nacemento é vivido como unha experiencia de morte no que foi o seu único paraíso coñecido: o ventre materno. Con todo, a viaxe continúa nun novo universo no que xa non está só, pois unhas mans espérano ao final da caída.

 

Massimiliano di Lauro concibe, a través da imaxe, o ventre materno como unha nave espacial e o protagonista como un astronauta que inicia unha viaxe cara a si mesmo e, á súa vez, cara ao mundo exterior. O ilustrador italiano empatizou de inmediato co texto: “chamoume a atención a súa dozura, o seu ritmo delicado e lixeiro, o orixinal punto de vista e a beleza das metáforas, que se traduciron a imaxes na miña mente desde o primeiro momento. De aí a idea de representar plasticamente un mundo flotante, surrealista, intemporal, que aos poucos se vai materializando e tomando forma.

Di Lauro imaxina o exterior a través dos ollos do protagonista e representa unha realidade deliberadamente confusa, inocente e, en ocasións, con chiscadelas humorísticas provocadas polo propio desconcerto do bebé-astronauta, que intenta construír un mundo que aínda non coñece. Para iso, combina debuxos a lapis con colaxes de fotografías, que conforman un mundo interior e exterior que vai da fantasía á realidade. Nesta viaxe sensorial, a ilustración, poética e sutil, dálles forma e rostro ás voces e sons imprecisos que o bebé percibe, así como ás cores que empeza a intuír: os raios de sol que se coan na súa nave. No nivel cromático, dominan os tons ocres, que se alternan coa poderosa presenza do vermello da vida: do bebé-peixe, do corazón, das tesoiras que o separan da súa nai e o do seu propio rostro ao nacer. O azul ten tamén protagonismo, ao representar tanto o ceo como o medio acuoso polo que viaxa e imaxina o mundo. Massimiliano di Lauro ofrécenos, nas gardas, unha brincadeira en forma de viaxe marítima e aérea de España a Italia, da igrexa da Peregrina de Pontevedra á catedral de Trani, o seu pobo natal. A miña primeira viaxe é a súa ópera prima.

 

 

Texto de Paloma Sánchez Ibarzábal

Ilustracións de Massimiliano di Lauro

Tradución do castelán de Paco Liván