Colección O

A árbore tan pouco árbore

Miguel A. Pérez Arteaga

ISBN 978-84-9871-365-7

14,00

Cantidad:
INFORMACIÓN
  • Páginas 40 páxs.
  • Encuadernación cartoné
  • Medidas 25x23 cm
  • Publicación xaneiro 2012

Hai selvas-illa, selvas-montaña e selvas-trampolín. En cada selva, claro, hai un lobo. Tamén un alce e un caribú. O lobo pasa os días a correr atrás deles, ata que os pilla e os come. Entón, busca outra selva. Nesta selva, non había lobo nin alce nin caribú, pero tiña unha árbore no alto dun outeiro. Unha árbore que non era como as outras: falaba. Non se lle entendía nada, pero falaba. —Nunca vira unha árbore tan pouco árbore –dixo o lobo.


Descripción

Hai selvas-illa, selvas-montaña e selvas-trampolín. En cada selva, claro, hai un lobo. Tamén un alce e un caribú. O lobo pasa os días a correr atrás deles, ata que os pilla e os come. Entón, busca outra selva. Nesta selva, non había lobo nin alce nin caribú, pero tiña unha árbore no alto dun outeiro. Unha árbore que non era como as outras: falaba. Non se lle entendía nada, pero falaba. —Nunca vira unha árbore tan pouco árbore –dixo o lobo.

 

Entre Cambrils e Mont-roig, en Tarragona, hai unha praia agochada; para chegar onda ela hai que pasar por unha corga e por unha praia de grandes pedras. Entre esas penas acumúlase o lixo que trae o mar: caixas de peixe do peirao máis próximo, aramios enferruxados, latas, anacos de madeira das árbores que arrastran as riadas… De aí parte Miguel A. Pérez Arteaga para crear este álbum singular.

 

“Os materiais que atopo na praia fanme pensar en África” –di Miguel Ángel. Por iso, o autor escolleu ilustrar unha antiga fábula africana. Pensando nos materiais dos que dispón, modifica a narración, acurta os diálogos e constrúe os espazos, creando un ambiente poético e inspirador. Nel atópanse unha árbore que fala e un lobo que se cre moi listo, nunha historia que representa a figura universal do burlador burlado: o lobo persegue alces e caribús nunha carreira sen fin, de selva en selva, ata que cae na súa propia trampa.

 

Miguel A. Pérez Arteaga crea escenas como escusa para xogar cos tesouros que lle ten agasallado o mar, e compón unha especie de teatro de peto, polo que pasan os personaxes como nun vello filme de cinema mudo.

 

Os personaxes principais, elaborados con cartón reciclado, son como actores diante dun decorado de madeira. As illas trampolín ou as illas montaña, á súa vez, nacen dos propios obxectos. Os elementos funcionan a modo de crebacabezas que se ordena en diferentes combinacións.

 

Co uso de obxectos de refugallo, o autor busca educar e desenvolver a sensibilidade artística e creativa, fomentar o amor polo reciclado, polo imperfecto, e motivar os lectores para construír as súas propias historias.

 

O xogo espontáneo con materiais reciclados maniféstase de modo natural nos nenos; pero, máis alá do gozo, significa tamén unha achega ao coñecemento. A través destas experiencias, nace a comprensión do espazo e do volume, e a creación de novas formas.

 

Por esa razón, contos coma A árbore tan pouco árbore convidan os cativos a descubrir obxectos, percibir formas e texturas, localizalos no espazo para crear un significado e manipulalos elaborando historias, interiorizando accións e proxectando nelas sentimentos e sensacións. Todo isto constitúe unha importante base para o coñecemento e é clave para desenvolver a expresión plástica na etapa infantil.

 

A observación de imaxes construídas con este espírito e a comprensión desta historia axudan a ampliar a capacidade perceptiva para desenvolver a sensibilidade estética, e abren as portas á construción individual ou colectiva.

 

 

Texto e ilustracións de Miguel A. Pérez Arteaga