“Zimbo”, seleccionado nos White Ravens 2012 entre os mellores libros infantís do mundo

“Zimbo”, seleccionado nos White Ravens 2012 entre os mellores libros infantís do mundo

10/03/2012

O álbum Zimbo, de Arturo Abad e Joanna Concejo, foi elixido como un dos mellores libros infantís do mundo pola Internationale Jugendbibliothek de Múnic (Alemaña) que o incluíu no seu catálogo The White Ravens 2012. Con estas obras organiza anualmente unha exposición no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que se celebra do 19 ao 22 de marzo na cidade italiana, cita á que OQO acudirá cun expositor propio.

A institución alemá realiza cada ano unha selección dos mellores libros infantís entre os miles que se publican en todo o planeta e aos que lles outorga a distinción The White Ravens. A elección de 2012 está conformada por 250 libros infantís e xuvenís en máis de 30 idiomas e procedentes de 50 países.
Os libros distinguidos con The White Ravens forman parte dun catálogo en lingua inglesa que inclúe informacións bibliográficas e recensións dos 250 libros, e tamén dunha mostra que se exporá na caseta da Internationale Jugendbibliothek na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

Zimbo (editado en galego e español, e a partir de outubro tamén en francés, portugués e italiano) forma parte da colección Q de OQO editora, destinada a lectores e lectoras de entre 8 e 12 anos. A institución alemá definiu a obra como ‘un álbum poético, sensible e que admite distintos niveis de lectura’.

Nesta obra, Arturo Abad e a ilustradora polaca Joanna Concejo únense para crear unha emotiva historia que fala sobre as ansias de liberdade, de emancipación, e tamén da dor da perda, de deixar marchar do noso carón as persoas que amamos. A marioneta Zimbo desexa, máis que nada no mundo, facer o seu propio camiño, romper os fíos, cada vez máis pesados, que o atan ao Monicrequeiro. Este procura, pola súa banda, ver feliz ao boneco, mais nada do que fai consegue tirarlle fóra a tristura. Así, debátese entre mantelo ao seu carón e deixalo ir, coa dor que a súa marcha supón.

Zimbo presenta o punto de vista dous dous protagonistas, os sentimentos e emocións encontradas e, ás veces, contraditorias. O autor narra a historia cunha inmensa dozura, reforzada pola tenrura e delicadeza coa que Joanna Concejo dá vida aos personaxes. As ilustracións, cargadas de poesía, acompañan á perfección a prosa rítmica e lírica.

OUTROS LIBROS PREMIADOS

Desde o 2006, diversos álbums de OQO foron distinguidos coa mención The White Ravens. Na pasada edición, Caixa de Cartón (Txabi Arnal e Hassan Hamekan) resultou escollido na prestixiosa selección. En 2010, o galardón foi para O último canto (Pablo Albo e Miguel Ángel Díez). No 2009 foi distinguida unha obra ilustrada tamén por Joanna Concejo, Fume, con texto do escritor sarriano Antón Fortes. En 2008 outorgóuselle o premio a Ovos duros, conto popular do Magreb adaptado pola galega Marisa Núñez (Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil ‘ESPACE ENFANTS’ por Chocolata) e ilustrado por Teresa Lima (Premio Nacional de Ilustración de Portugal). Un ano antes, tamén o recibira A princesa do Caurel (Patacrúa e Javier Solchaga) e en 2006 o White Raven recaeu en A cousa que máis doe do mundo (Paco Liván e Roger Olmos).