UNIVERSIDADES DE QUIOTO E OSAKA (O XAPÓN). ‘Os contos do camiño’

UNIVERSIDADES DE QUIOTO E OSAKA (O XAPÓN). ‘Os contos do camiño’

5/07/2009

OQO editora deu a coñecer nas universidades xaponesas de Quioto e Osaka Os contos do camiño. Mestres e estudantes tiveron acceso á rica tradición oral dos distintos países polos que pasa o Camiño de Santiago, aos que se animou a mergullarse no espírito xacobeo e a percorrer algunha das súas oito rutas.

Os contos do camiño é unha actividade promovida por OQO editora e a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, que toma a tradición oral das distintas culturas como fío condutor para, desde unha perspectiva lúdica e instrutiva, achegarlles aos nenos, ás familias e á comunidade educativa, a tradición oral do Camiño de Santiago a través de historias publicadas por OQO en forma de álbum ilustrado.
Contos tradicionais de Turquía (Míster Corvo), de Rusia (Pedra, pau e palla), de Portugal (Corre corre, cabaciña), de Inglaterra (Os tres osos), de Grecia (Sal e Azucre), do Brasil (Rato Tom e Rata Tomasa)… conforman un acervo cultural baseado na tradición oral e na interculturalidade.
O programa Os contos do camiño xira ao redor de diferentes accións de tipo plástico e audiovisual, e contacontos, para escolares de Educación Infantil e Primaria. Por esta actividade pasaron xa máis de 15.000 escolares e constitúe unha das accións de traballo coa infancia, a comunidade escolar e as familias con máis éxito de España.