Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense Río de Xaneiro

Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense Río de Xaneiro

11/04/2012

Tres curtametraxes de OQO, seleccionadas pola Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense Río de Xaneiro

— A grande viaxe, A pota que trota e A cousa que máis doe do mundo compiten entre 58 filmes de España, Portugal, O Brasil, México, Chile, Ecuador e A Arxentina

Tres curtametraxes de OQO filmes, A grande viaxe, A pota que trota e A cousa que máis doe do mundo, foron seleccionadas para competir na Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense Río de Xaneiro, que se celebrará neste estado brasileiro do 7 ao 11 de agosto.

As obras forman parte da serie infantil de animación audiovisual Os contos do Camiño e, xunto a outras tres curtametraxes (E que podo facer eu?; Fiz, o coleccionista de medos; e A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín) recibiron este verán o Premio Especial do Xurado no festival Brasil Stop Motion 2011.

A serie, que se está emitindo actualmente na canle autonómica tvG2, foi candidata á Mellor Serie de Animación na edición de 2010 do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia). Ademais, foi seleccionada na 50 edición do Festival Internacional de Cine para Nenos de Zlín (República Checa) e no Festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado polo OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil).

Ao longo das cinco edicións realizadas, a Mostra de Cine de Animación da rexión da Baixada Fluminense (Baixada Animada) foise consolidando dentro do calendario cultural do estado de Río de Xaneiro ata alcanzar un alto nivel de participación e prestixio internacional.

Nesta edición compiten un total de 58 filmes, procedentes de España, Portugal, O Brasil, México, Chile, Ecuador e A Arxentina, moitos deles avalados por recoñecementos doutros festivais.

OS CONTOS DO CAMIÑO
A serie consta de 26 capítulos de 10 minutos de duración e está dirixida a un target de 3 a 7 anos aínda que, en realidade, as historias que conta poden ser gozadas por todos os públicos. Cada un deles corresponde á adaptación dunha historia, tradicional ou contemporánea, publicada en forma de álbum ilustrado por OQO editora. Todos responden á máxima de que unha boa historia atrae a calquera neno en calquera parte do mundo.

Profesionais internacionais de prestixio firman cada un dos capítulos. Entre eles están os recoñecidos animadores mexicanos Luis Téllez (director dos filmes seleccionados A grande viaxe, A cousa que máis doe do mundo e a premiada A incrible historia da nenapaxaro e o galopín); Juan Medina (director de A pota que trota); Karla Castañeda (que dirixiu Fiz, o coleccionista de medos, baseado na obra homónima da escritora Fina Casalderrey); o arxentino Ismael Mon; o portugués Carlos Pinto; o premiado cun Goya á mellor curta de animación, Coke Riobóo e os galegos Borja Guerrero (director do galardoado E que podo facer eu?) e Iván Prieto.

Cada capítulo de Os contos do Camiño ofrece suxestións creativas que recollen diversas sensibilidades artísticas, universos plásticos innovadores e unha música orixinal creada individualmente para as distintas curtametraxes.