Cultural das Rutas Xacobeas

Cultural das Rutas Xacobeas

4/05/2010

SANTIAGO DE COMPOSTELA. Os obradoiros de ‘Os Contos do Camiño’ difunden entre 2.500 escolares o patrimonio artístico e cultural das Rutas Xacobeas

Nenos e nenas de Bordeaux (Francia), Évora, Óbidos, Beja, Pombal (Portugal) e Madrid participaron neste proxecto, único galego seleccionado en 2009 no Programa Cultura da UE

Esta actividade, coordinada pola editorial galega OQO editora e apoiada pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, conclúe na capital galega e alcanza a cifra de 25.000 participantes desde xaneiro

O programa europeo Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes de Chemin coordinado pola editorial galega OQO editora —e apoiado pola S. A. de Xestión Xacobeo— chega en maio a Santiago de Compostela para difundir entre 2.500 escolares o patrimonio inmaterial e artístico das diferentes Rutas Xacobeas, a través de contos de tradición oral e obradoiros plástico creativos que se desenvolverán durante todo o mes.

Estas actividades botaron a andar en xaneiro en Bordeaux (Francia) e Évora (Portugal) e, tras desenvolverse en marzo en Óbidos, Beja e Pombal (Portugal) e en abril en Madrid, rematarán o seu itinerario en Santiago de Compostela, punto final e de encontro de todas as Rutas Xacobeas. Por iso, será tamén na capital galega e, en concreto no Museo do Pobo Galego, onde en setembro se fará unha exposición coa selección das creacións artísticas dos máis de 25.000 nenos e nenas participantes nos talleres de todas estas cidades.

A Fundación Museo Thyssen-Bornemisza, as editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) e La Compagnie Créative (Francia) son socias neste proxecto, coordinado pola editorial OQO editora, a única representante galega no Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que en 2009 só seleccionou en España outras dúas iniciativas. Pero ademais, Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes du Chemin acadou a maior puntuación, ao sumar 32 puntos dos 35 máximos posibles.

Este proxecto está dirixido a escolares de educación infantil e primaria nos que se pretende espertar e alimentar a curiosidade por viaxar, coñecer persoas doutras culturas e achegarse aos contos e á tradición oral do patrimonio cultural e artístico europeo. Por iso, as actividades inciden na Ruta Xacobea como o principal e primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e que congrega persoas de distintas culturas, razas e países.

Con este afán de respecto á diferenza, ademais de cos centros de ensino, en cada unha das cidades contáctase con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección.

CGAC, BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL E O MUSEO DO POBO GALEGO

As actividades desenvolveranse durante o mes de maio e a primeira semana de xuño (do 4 de maio ao 4 de xuño) no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) que acollerá os obradoiros A arte no camiño e Ilustrar un conto con… e na Biblioteca Pública Ánxel Casal, na que se desenvolverá Un camiño de contos.

En Un camiño de contos nenos e nenas de 5 a 8 anos e os seus respectivos profesores participarán, a través da música, da palabra e da imaxe, nunha sesión na que percorrerán varias rutas do Camiño de Santiago, evocando unha época na que camiñantes de diferentes partes do mundo chegaban a Compostela e enchían os días de travesía e as noites de descanso con narracións populares dos seus lugares de orixe.

Cada sesión finalizará cunha actividade plástica creativa na que os nenos confeccionarán con debuxos un caderno de viaxe, que será obxecto dunha exposición ao final da actividade no Museo do Pobo Galego.

No CGAC, os nenos e as nenas de 9 a 11 anos participarán en A arte no camiño, onde lles explicarán as distintas obras de arte que poderán ver polas diferentes rutas, cunha mención directa aos fondos dos museos colaboradores desta iniciativa (Museo de Óbidos, Thyssen-Bornemisza, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Aquitania, Museo de Évora e o Museo do Pobo Galego). No caso de Santiago, o taller prestaralles unha especial atención aos galegos. A actividade finalizará cunha actividade plástica e cos nenos e nenas convertidos en artistas.

CATRO ILUSTRADORES INTERNACIONAIS
As instalacións do CGAC tamén acollerán a terceira actividade Ilustrar un conto con… Nas outras cidades un famoso ilustrador internacional escollía un conto tradicional do seu lugar de orixe para contárllelo aos rapaces e máis tarde todos traballaban na ilustración dunha secuencia da obra por día.

Así, a Bordeaux foi a ilustradora portuguesa Teresa Lima; a Évora, a galega Itziar Ezquieta; a Óbidos, Beja e Pombal, o andaluz Chené Gómez e ao Museo Thyssen-Bornemisza en Madrid, a francesa Véronique Vernette.

En Santiago de Compostela, por ser a cidade onde rematan as actividades de Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes du Chemin, serán catro os ilustradores que impartan os obradoiros. Deste xeito, búscase o intercambio e o movemento transnacional da creación artística. Así, na primeira semana de maio o CGAC acollerá en Ilustrar un conto con… á francesa, de orixe polaca, Joanna Concejo; do 18 ao 21 estará o ilustrador catalán Roger Olmos; do 25 ao 27, a galega Paula Aneiros; e do 1 ao 4 de xuño, a portuguesa Malfalda Milhões.

Alén disto, o CGAC acollerá o día 18 de maio no seu auditorio un concerto didáctico, con cancións baseadas nos contos tradicionais que protagonizan a campaña.