País das Apertas

País das Apertas

7/02/2011

Preto de 300 persoas coñeceron en Burela o País das Apertas. A nena e o grilo contaron, cantaron e bailaron coas familias que se achegaron á Casa da Cultura

O auditorio Casa da Cultura de Burela acolleu o sábado, día 5, ás preto de 300 persoas interesadas en coñecer a través de contos e cancións o País das Apertas, que non ten fronteiras, pero cabe na imaxinación de calquera. Alí vive un principiño que debeu escapar dalgún libro, un grilo cantareiro e unha nena máxica , transparente coma unha pompa de xabón que, cando soña, enche o aire de risas e misterios.

Este concerto-espectáculo teatral A NENA E O GRILO forma parte da campaña En clave de conto que OQO editora realiza para o programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio no ámbito musical e escénico —coma o ourensán Magín Blanco e a contacontos Charo Pita— protagonizaron ás 18.00 horas a montaxe multicisplicinar A nena e o grilo, baseada no conto-cd co mesmo nome de OQO editora e que foi repartido gratuitamente ás familias asistentes.

Con este concerto-espectáculo, con entrada de balde ata que se completou o aforo do Auditorio Casa da Cultura, comezaron en Burela as actividades de OQO editora En clave de conto.

A finalidade é achegar as nenas e os nenos ao galego no plano da lectura e no da escoita, ao tempo que educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a lingua.

Por iso, ademais do concerto, as familias poderán participar o vindeiro sábado, 12 de febreiro, no Obradoiro para as familias EU FALO ASÍ. Esta actividade gratuíta realizarase ás 12.00 horas e nela procúrase reforzar o uso do galego no contexto afectivo, desenvolvendo a competencia oral e escrita.

Este taller ten a súa orixe na canción ‘Cri-cri’ de A nena e o grilo. A partir deste tema as familias xogarán a identificar as distintas linguas da peza (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro…) e o seu idioma principal: o galego.

Neste obradoiro traballarase tamén co álbum O embigo de Xanecas da Colección O de OQO editora. Por este motivo, as familias participantes (con rapaces con idades de entre 3 e 5 anos) serán agasalladas con este libro.

BURELA
OBRADOIRO 12 feb. 2011. 12 h
Biblioteca Casa da Cultura, rúa de Pardo Bazán, 6
tel. 982 580 683

CONCERTO A NENA E O GRILO

Este espectáculo está baseado no traballo bibliodiscográfico co que o compositor e intérprete Magín Blanco (O Barco de Valdeorras) se atreveu a dar o salto ao público infantil da man de OQO editora e da súa colección musical Q son. Producido na parte musical por Uxía e ilustrado por outro ourensán Iván Prieto, colaboraron músicos coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila.

O resultado é un traballo de equipo que no escenario mantén o seu carácter familiar no que Magín Blanco (guitarra, voz) está acompañado por Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Sales (teclado), Sergio Tannus (guitarra e percusión) e Charo Pita (voz e narración).

A parte narrada da montaxe adquire unha vital importancia, xa que relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosa as ilustracións de Iván Prieto.

Durante o concerto poderon gozar dunhas cancións que, en palabras de Magín Blanco, ‘non parten de ningún estilo en concreto’ e que son ‘unha amálgama’ das músicas que todos os colaboradores do libro-CD A nena e o grilo levan escoitado ao longo das súas vidas. Porén, resultan claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk.

En definitiva, estamos ante un espectáculo con vocación universal que parte dunha lingua rica en palabras e xiros ao servizo dos mundos imaxinarios dos protagonistas destas trece cancións de conto. En todas elas repártense aloumiños a eito e amósase un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades.

En clave de conto estivo xa en Ourense, Carballo, Allariz, Boiro, Cambados, Muros, Vilalba e A Estrada. Despois de Burela, desprazarase a Teo e a Gondomar ata o 25 de febreiro de 2011.