ibro ‘Os contos do camiño’

ibro ‘Os contos do camiño’

2/02/2011

Preséntase en Santiago o libro ‘Os contos do camiño’, no que escolares de Francia, Portugal e España ilustraron relatos da tradición oral de pobos polos que discorren as rutas xacobeas

— A publicación forma parte do proxecto homónimo, coordinado por OQO editora en colaboración con O Bichinho de Conto, o Museo Thyssen-Bornemisza e La Compagnie Créative.

– Esta acción de cooperación foi seleccionada en 2009 polo Programa Cultura 2007-2013 da UE. Foi a única galega das tres elixidas en España e participaron 25.000 nenos europeos durante o seu desenvolvemento en 2010.

Ilustradores de recoñecido prestixio de Francia , Portugal e España viaxaron ao longo de 2010, Ano Xacobeo, a Bordeos , Madrid , Évora , Óbidos , Pombal , Beja e Santiago de Compostela con contos da tradición oral dos seus respectivos países para que os escolares destas cidades lles deran vida facendo uso de pinceis, tinta, lapis, tea e papel. O resultado é o libro Os contos do camiño/Los cuentos del camino/Os contos do caminho/Les contes de chemin.

Esta publicación forma parte do proxecto europeo co mesmo nome coordinado pola editorial galega OQO, en colaboración —en calidade de socios— da francesa La Compagnie Créative, a portuguesa O Bichinho de Conto e o Museo Thyseen-Bornemisza. Esta actividade foi a única representante galega en 2009 no Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que só seleccionou en España outras dúas iniciativas. Asemade, acadou a maior puntuación, ao sumar 32 puntos dos 35 máximos posibles.

O libro será presentado o vindeiro mércores, día 2, ás 12.00 horas no Museo do Pobo Galego, colaborador das actividades en Santiago de Compostela, xunto co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Biblioteca Pública Ánxel Casal. Ao acto asistirá o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, xa que o proxecto europeo Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes de Chemin formou parte da programación ‘Camiño infantil’ do Xacobeo 2010 e nel participaron 25.000 nenos e nenas.

O libro é a compilación das ilustracións realizadas na actividade Ilustrar un conto con… na que un famoso ilustrador internacional escolleu un conto tradicional do seu lugar de orixe para contárllelo aos rapaces e máis tarde todos traballaron na ilustración dunha secuencia da obra por día. Deste xeito, tentouse acadar o intercambio e o movemento transnacional da creación artística.

Así, a Bordeos (Francia) foi a ilustradora portuguesa Teresa Lima co conto O macaco do rabo cortado; a Évora, a galega Itziar Ezquieta con A flor de Lirolai; a Óbidos, Beja e Pombal, o andaluz Chené Gómez con Juanillo el de la burra; e ao Museo Thyssen-Bornemisza, a francesa Véronique Vernette coa historia Les dons des trois animaux.

En Santiago de Compostela, por ser a cidade onde remataron as actividades de Os Contos do Camiño, foron catro os ilustradores que impartiron os obradoiros.. Así, na primeira semana de maio o CGAC acolleu en Ilustrar un conto con… á francesa, de orixe polaco, Joanna Concejo. As nenas e nenos ilustraron unha historia da tradición oral francesa Père Long-Nez.

A continuación, os escolares ilustraron o conto Per què l’aigua del mar es salada no obradoiro que impartiu o catalán Roger Olmos. A seguinte semana, os escolares déronlle vida ao relato popular galego O segredo do Mouro, no obradoiro impartido pola ilustradora Paula Aneiros. Concluíu a actividade de Ilustrar un conto con… a portuguesa Malfalda Milhões coa historia Os baptizados da raposa.

Unha selección destas ilustracións e as obras artísticas creadas polos cativos dos tres países nos outros dos obradoiros do proxecto (Un camiño de contos e A arte no camiño) foron expostas durante o mes de setembro no Museo do Pobo Galego, e actualmente pódense visitar virtualmente na galería da web do proxecto

www.oscontosdocamino.eu
www.loscuentosdelcamino.eu
www.oscontosdocaminho.eu
www.lescontesduchemin.eu

PROXECTO SELECCIONADO NO PROGRAMA CULTURA DA UE 2007-2013
Os Contos do Camiño estivo dirixido a escolares de educación infantil e primaria nos que se pretendeu espertar e alimentar a curiosidade por viaxar, coñecer persoas doutras culturas e achegarse aos contos e á tradición oral do patrimonio cultural e artístico europeo. Por iso, as actividades incidiron na Ruta Xacobea como o principal e primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e que congrega persoas de distintas culturas, razas e países.

Con este afán de respecto á diferenza, ademais de cos centros de ensino, en cada unha das cidades contactouse con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección.

Asemade cada centro de ensino participante recibiu, previamente á celebración das actividades, unha maleta de madeira cos álbums que serviron de base ás actividades e guías didácticas de apoio, así como información sobre o Camiño de Santiago e as súas distintas rutas. Deste modo, os docentes puideron incorporar no currículo do ano esta experiencia plurisdisciplinar, coa posibilidade de ser continuada en cursos posteriores, xa que o material das maletas pasa a formar parte das bibliotecas escolares.

A ferramenta web creada para o proxecto (www.oscontosdocamino.eu) permitiu a interacción dos centros dos tres países, favorecendo o intercambio de experiencias a través dun foro e un videochat.

O desenvolvemento da iniciativa tivo unha excelente acollida entre o público infantil e docente —máis de 25.000 escolares participantes— o que fixo que se tivesen que aumentar as actividades previstas inicialmente para dar cabida á demanda. Ademais, numerosos centros de ensino de distintas partes de España, Portugal e Francia reiteraron o seu interese de participar en Os contos do camiño nos anos vindeiros.

A nivel de difusión, fixéronse actos e presentación do programa, ademais de nos países implicados, nos Institutos Cervantes de Sao Paulo e Río de Janeiro en Brasil, en O Pequín na China, en Quioto e Osaka en O Xapón, en Nova York nos EUA, e Sarajevo e Banja Luka na Iugoslavia.

PRESENTACIÓN DO LIBRO
Os contos do camiño/Los cuentos del camino/
Os contos do caminho/Les contes du chemin
LUGAR: Museo do Pobo Galego
DATA :Mércores 2 de febreiro de 2011
HORA : 12 horas