Os obradoiros infantís de gastrononía e literatura de OQO en Nápoles. Buon appetito!

Os obradoiros infantís de gastrononía e literatura de OQO en Nápoles. Buon appetito!

14/06/2012

Alimentar ben corpo e intelecto desde idades temperás. Gastronomía e lectura van collidas da man nos obradoiros que OQO editora realiza para o Instituto Cervantes co obxecto de que os máis pequenos coñezan dun xeito divertido (e tamén saboroso!) a cultura doutros países.

Trala exitosa experiencia en Rabat, Marrakech, Tetuán e Casablanca (Marrocos), Palermo (Italia), Varsovia-Polonia , Sydney, Canberra, Melbourne e Adelaida – Australia , OQO editora recolle os seus útiles de cociña e trasládase a Nápoles, onde os nenos e as nenas terán a oportunidade de coñecer a cultura doutros lugares do planeta mergullándose nos seus contos e degustando a súa gastronomía: un novo xeito de viaxar, sentir, ulir, gustar, ver, escoitar e coñecer.

Esta viaxe gastronómica parte dos contos de OQO editora: Sopa de nada e A sopa queima nos que a través dunha actividade se detallan ingredientes que compoñen a sopa.

Desde os contos e a sopa, os pequenos descubrirán os gustos gastronómicos de diferentes países. Indagando nos seus pratos típicos, os rapaces inventarán novas receitas cos ingredientes característicos da cociña de cada país. Deste xeito, confeccionarán –e comerán– unha sobremesa moi especial.

Cada cativo (cociñeiro-viaxeiro) recibirá un receitario dos lugares visitados nesta viaxe gastronómica-literaria para realizar en familia.

O periplo tamén incluirá sopas de letras, recomendacións literarias e un glosario de termos culinarios para empachar coa cultura e engordar o intelecto.

DATAS
15/06/2012 (De 11:30 a 14:00 h)