OQO filmes presenta ‘Caracois’

OQO filmes presenta ‘Caracois’

14/12/2010

OQO filmes presenta ‘Caracois’, serie infantil de animación audiovisual feita en Galicia e en galego

Consta de 26 capítulos nos que se visualiza o mundo das relacións infantís desde a perspectiva duns animaliños de xardín

OQO filmes presenta a serie infantil de animación audiovisual Caracois, que consta de 26 capítulos de seis minutos de duración cada un, feitos en Galicia e en galego, grazas a colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

Esta serie, realizada coa técnica de stop-motion, está dirixida a un público infantil de idade entre 2 a 4 anos. Os capítulos están baseados nas historias dos álbums de Caracois, cinco libriños de nanOQOs, colección de OQO editora en cartón duro e pequeno formato destinada aos prelectores.

En Caracois visualízase un mundo de relacións infantís desde a perspectiva duns animaliños de xardín. Son a súa forma de vida, as súas relacións, os seus xogos, os seus conflitos, as súas aventuras, a través duns protagonistas cunha psicoloxía predeterminada e precisa, e que encarnan así mesmo tipos, os que tecen este mundo complexo e interrelacionado.

Aínda que a función de entreter é primordial, cabe na serie un compoñente ‘didáctico’ que axude ao neno a ver dunha forma inconsciente condutas que comportan valores éticos e cidadáns fundamentais.

O traballo, a solidariedade, a amizade, o amor, a arte nas súas múltiples facetas (música, danza, teatro, etc…), o xogo como aventura e procura, por unha banda; e os perigos, os medos, os sustos, por outro, conforman un universo complexo de múltiples interaccións das que sempre se obterá aprendizaxe e diversión.

Desde a fidelidade ao proxecto editorial de OQO editora, OQO filmes adapta os álbums ilustrados ao formato audiovisual a través da animación en stop-motion: historias de calidade que desde a tradición oral van encontrando diferentes soportes —texto, imaxes, audiovisual…— ante a necesidade de ser contadas, escoitadas e transmitidas.

O imaxinario infantil durante tanto tempo construído pola literatura tanto oral como escrita, atopa nesta proposta un novo soporte sobre o que seguir tecendo elementos de fascinación ante a mirada do pequeno espectador; elementos que explican o mundo e canalizan pulsións dos universos imaxinados por medio dun libro e, agora tamén, a través de personaxes en movemento. Outro xeito de reconstituír o camiño clásico de achegarse aos contos.

Trátase dunha aposta polo entretemento de calidade para a infancia e en galego. Así o demostra o feito de que o mexicano Luis Téllez, profesional internacional de prestixio recoñecido con diferentes galardóns, sexa o director da mesma. En definitiva, a serie conta 26 boas historias a través dunha proposta plástica innovadora e unha música orixinal.

Trala presentación ás 17.30 horas no Museo da Deputación de Lugo, a serie será proxectada ás 18.00 horas a nais e pais que participan nas actividades de Preescolar na casa e tamén ás da asociación Bicos de Leite.

DATA: 14 de decembro de 2010
LUGAR: Museo provincial da Deputación de Lugo
HORA:
Presentación ás 17.30 h.
Proxección ás 18.00 h