OQO filmes, mellor iniciativa editorial de 2012

OQO filmes, mellor iniciativa editorial de 2012

15/03/2013

 

OQO filmes, departamento audiovisual de OQO editora, obtivo o Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2012. Esta é unha distinción coa que os Premios Ánxel Casal da Edición de Galicia da Asociación Galega de Editores (AGE) recoñecen proxectos de carácter innovador e que potencien o ámbito editorial nos distintos xéneros.

 

O galardón coñeceuse hoxe no transcurso da VII Noite da Edición 2012, que se celebrou no Auditorio Mar de Vigo, na cidade olívica. Precisamente, na convocatoria do ano pasado, dúas series infantís de animación de OQO filmes, Os contos do camiño e Caracois, obtiveron esta mesma distinción. Ambas as dúas están baseadas en álbums de OQO e, na actualidade, poden ser gozadas por nenos e nenas dentro da programación infantil da tvG2 e de televisións públicas de Arxentina, Finlandia, Croacia e proximamente de México e Israel . No caso de Os contos do camiño, nove curtas están á disposición de familias e comunidade educativa en formato DVD.

 

Asemade, na convocatoria de 2010, os Premios Ánxel Casal da Edición de Galicia xa recoñecera como finalista nesta categoría o proxecto europeo, coordinado por OQO editora, Os contos do Camiño. E, en 2009, o álbum A grande viaxe tamén obtivo no mesmo certame o Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado.

 

Igual que cos libros de OQO editora, a filosofía de OQO filmes remite a unha aposta por un entretemento para os cativos de calidade e en galego: boas historias que merecen ser contadas, sexan en libro ou en filmes.

 

PREMIOS A OQO FILMES

Esta calidade está avalada por recoñecementos internacionais. O último deles,  o Premio Especial do Xurado no Festival Brasil Stop Motion 2011 a seis curtas de Os contos do Camiño. De igual xeito, esta serie foi candidata á mellor serie de animación na última edición do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia).

 

Tamén foi seleccionada na 50 edición do Festival Internacional de Cine para Nenos de Zlin (República Checa); no Festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado por OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil); e no Japan Prize 2012, co que a televisión pública xaponesa NHK recoñece os mellores produtos audiovisuais educativos de todo o mundo.

 

LINGUAXES COMPLEMENTARIAS: LITERARIA E AUDIOVISUAL

 

OQO filmes aposta por que o traballo de autores e ilustradores non remate no libro, por abrirse a horizontes novos que parten do álbum ilustrado para converterse en cine de animación, videoxogos ou aplicacións interactivas destinadas ao público infantil.

 

Do mesmo xeito, OQO filmes pon o acento na necesidade de incorporar a alfabetización audiovisual ás aulas unindo cine e literatura, tomando o álbum ilustrado como a primeira forma de achegarse ao mundo da imaxe e traballando na escola as dúas linguaxes: literaria e audiovisual.

 

Neste sentido, xorde a iniciativa impulsada por OQO filmes Nós tamén creamos! na que, a partir dun álbum ilustrado de OQO editora, os rapaces e rapazas convértense en guionistas, directores, músicos ou montadores da súa propia curtametraxe de animación en galego.

 

Co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación e da CRTVG, nenos e nenas de 50 escolas de toda Galicia elaboraron en 2012 curtametraxes de animación a partir dun libro coa técnica de stop-motion. O éxito da convocatoria motivou que se estea a repetir a campaña en 2013, coa participación de 60 centros.

 

Ademais desta iniciativa, OQO filmes levou a cabo actividades sobre libro ilustrado e cinema de animación en colaboración con institucións culturais de todo o mundo entre as que destacan:

 

INSTITUTO CERVANTES

Nenos e nenas de varios países acudiron as distintas sedes do Instituto Cervantes (Madrid, Lisboa, Roma, Palermo, Nápoles, Ütrech, Varsovia, Rabat, Casablanca, Brasilia, São Paulo, Rio de Janeiro, Nova York, Sidney, Beijing, Tokio…) para realizar curtametraxes de animación baseadas en álbums ilustrados de OQO.

 

EDUCATHYSSEN

Obradoiros teórico-prácticos sobre álbum ilustrado e cine de animación en colaboración con Educathyssen, departamento pedagóxico do Museo Thyssen-Bornemisza.

 

ESCOLA DE CINEMA DE BEIJING

Os estudantes da Escola de Cinema de Beijing afondaron na relación entre o álbum ilustrado e o cinema de animación e nas posibilidades que o libro ofrece para a creación audiovisual.

 

ESCOLA INTERNACIONAL DAS NACIÓNS UNIDAS DE NOVA YORK

A Escola Internacional das Nacións Unidas en Nova York (UNIS) acolleu a actividade “OQO: do álbum ilustrado ao cinema de animación” para a formación do profesorado do centro na exploración de novas posibilidades para a aplicación do álbum ilustrado na aula.

 

 

BIBLIOTECA NACIONAL DO BRASIL-BIBLIOTECA PÚBLICA HANS CHRISTIAN ANDERSEN (São Paulo)

Coloquio onde se analizou o proceso de transformación dun álbum ilustrado ao cinema de animación e cal é a importancia da alfabetización audiovisual para os nenos na sociedade actual. A animación como medio de difusión de historias que, tomando como punto de partida o libro, seguen falando de sentimentos universais presentes en todas as épocas e en todas as sociedades.

 

FILIJ EN MÉXICO

En colaboración coa Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ), OQO filmes desenvolveu obradoiros de álbum ilustrado e animación audiovisual no Centro de Capacitación Cinematográfica do Centro Nacional das Artes de México. Asemade, nenos e nenas de distintas escolas de México D.F. crearon curtametraxes de animación, tomando como punto de partida un álbum ilustrado de OQO editora.

 

CENTRO (MÉXICO DF)

CENTRO, educación superior especializada en estudos creativos, con sede na cidade de México, interesouse pola relación entre o álbum ilustrado e o cinema de animación. Mediante un obradoiro teórico-práctico o alumnado desta prestixiosa institución achegouse ao mundo do libro ilustrado como punto de partida para outras aplicacións.

 

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Arte, literatura, novas tecnoloxías e cinema. Estes son os elementos que compoñen as actividades postas en marcha por OQO filmes en colaboración co Museo de Pontevedra, que albergaron máis de 400 participantes.

 

Realizáronse obradoiros de adaptación do álbum ilustrado ao cinema de animación, dirixidos ao público infantil, á comunidade educativa (pais, mestres e mediadores) e a estudantes universitarios de Belas Artes e Comunicación Audiovisual.

 

PROXECTOS FUTUROS

OQO filmes traballa agora na produción dunha nova serie en coprodución coa Televisión de Galicia. Cocorico, un dos personaxes máis queridos polos lectores de OQO, vivirá novas aventuras nunha serie de 26 capítulos de 13 minutos de duración.