— Obradoiros culinarios-literarios de OQO facilítanlles aos cativos coñecer
a cultura doutros países a través dos seus contos e a súa gastronomía
— As actividades divertidas, lectoras e saborosas abriron o apetito e a mente de nenos
e nenas de Marrocos (Marrakech, Tetuán, Rabat e Casablanca) e Italia (Palermo)
— Polonia (Varsovia) e Australia (Sydney, Canberra, Melbourne e Adelaida) son
os novos destinos destes talleres da editorial para o Instituto Cervantes
Alimentar ben corpo e intelecto desde idades temperás. Gastronomía e lectura van collidas da man nos obradoiros que OQO editora realiza para o Instituto Cervantes co obxecto de que os máis pequenos coñezan dun xeito divertido (e tamén saboroso!) a cultura doutros países.
Trala exitosa experiencia en Rabat, Marrakech, Tetuán e Casablanca (Marrocos) e Palermo (Italia), OQO editora recolle os seus útiles de cociña e trasládase a Varsovia-Polonia (24 e 25 de maio) e Sydney, Canberra, Melbourne e Adelaida – Australia (do 30 de maio ao 8 de xuño), onde os nenos e as nenas terán a oportunidade de coñecer a cultura doutros lugares do planeta mergullándose nos seus contos e degustando a súa gastronomía: un novo xeito de viaxar, sentir, ulir, gustar, ver, escoitar e coñecer.
Esta viaxe gastronómica parte dos contos de OQO editora: Sopa de nada e A sopa queima nos que a través dunha actividade se detallan ingredientes que compoñen a sopa.
Desde os contos e a sopa, os pequenos descubrirán os gustos gastronómicos de diferentes países. Indagando nos seus pratos típicos, os rapaces inventarán novas receitas cos ingredientes característicos da cociña de cada país. Deste xeito, confeccionarán e comerán unha sobremesa moi especial.
Cada cativo (cociñeiro-viaxeiro) recibirá un receitario dos lugares visitados nesta viaxe gastronómica-literaria para realizar en familia.
O periplo tamén incluirá sopas de letras, recomendacións literarias e un glosario de termos culinarios para empachar coa cultura e engordar o intelecto.