Instituto Cervantes de Bordeos

Instituto Cervantes de Bordeos

8/02/2011

O Instituto Cervantes de Bordeos (Francia) acolle desde hoxe ata o 15 de febreiro unha exposición cunha mostra dos debuxos realizados polos escolares que participaron nos talleres do proxecto europeo “Os Contos do Camiño”, seleccionado en 2009 polo Programa Cultura da Unión Europea 2007-2013.

Á inauguración asistirá Eva Mejuto, de OQO. A editorial galega foi a coordinadora desta iniciativa cultural e educativa coa que se promocionou o patrimonio cultural e artístico das diferentes rutas xacobeas entre máis de 25.000 nenos e nenas de Portugal, Francia e España (Galicia e Madrid).

Así mesmo, estará presente Claude Dagail, de La Compagnie Créative, editorial francesa, que xunto á portuguesa O Bichinho de Conto e o Museo Thyseen-Bornemisza foron socios destas actividades.

Neste acto, ao que están invitados os cónsules de España e Francia, farase entrega dunha maleta de contos á biblioteca Antonio Buero Vallejo do Instituto Cervantes de Bordeos. Todos os centros escolares participantes nos obradoiros realizados durante 2010 recibiron esta maleta.

Ademais, en cada unha das cidades participantes (Bordeos, Évora, Óbidos, Beja, Pombal, Madrid e Santiago de Compostela) contactouse con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección, aos que se fixo entrega deste material, do que tamén gozaron nenos hospitalizados. En total, repartíronse uns 5.000 libros en máis de 400 maletas.

EXPOSICIÓN
Obra: 30 obras
Autor/a/es/as: Nenos de 10 a 12 anos
Cronoloxía: 2010
Técnica: debuxos, instalacións, caixiñas, pintura

Datas
Do 08/02/2011 ao 15/02/2011
Lugar
Instituto Cervantes
57 Cours de l´Intendance
33000 Bordeos
(FRANCIA)