Concerto de A nena e o grilo

Concerto de A nena e o grilo

14/02/2011

Máis de 300 persoas asisten en Teo ao concerto de A nena e o grilo, mentres pais e fillos participan xuntos en Burela no obradoiro para familias EU FALO ASÍ

Máis de 300 persoas cantaron esta divertida canción en Teo xunto a nena e o grilo , protagonistas do concerto espectáculo teatral coa que a campaña En clave de conto , de OQO editora para Bocaberta (Secretaría Xeral de Política Lingüística), comezou as súas actividades neste concello coruñés.

Músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio no ámbito musical e escénico —coma o ourensán Magín Blanco e a contacontos Charo Pita— protagonizaron ás 18.00 horas no Centro Sociocultural de Ramallosa a montaxe multicisplicinar A nena e o grilo , baseada no conto-cd co mesmo nome de OQO editora e que foi repartido gratuitamente ás familias asistentes.

A finalidade é achegar as nenas e os nenos ao galego no plano da lectura e no da escoita, ao tempo que educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a lingua.

Precisamente, ese mesmo día, o obradoiro para as familias EU FALO ASÍ , reuníu en Burela (Lugo) a nais, pais e fillos nun taller no que estreitaron lazos afectivos, coñeceron máis o galego e outras linguas a través de contos, cantos e obradoiros plástico-creativos.

A partir da canción ‘Cri-cri’ de A nena e o grilo xogarase a identificar as distintas linguas do tema (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro….) e o seu idioma: o galego.

Eu falo cos avós e falo coas crianças,
falo dos novos tempos e falo das lembranças,
movo a minha lingua para abaixo para acima,
teu sorriso é a minha vitamina.
Cri-cri-cri-cri, eu estou aquí e falo cri-cri-cri, cri-cri

Trátase dun obradoiro en familia que reforza os lazos afectivos, permite gozar dun momento divertido, dá a posibilidade de acudir ao galego para enriquecer o vocabulario e, o máis importante, incorporalo á vida cotiá. Asemade, reforza o uso do galego no contexto afectivo, desenvolvendo as competencias oral e escrita.

Neste obradoiro traballouse co álbum O embigo de Xanecas da colección O de OQO editora. Por este motivo, as familias participantes (con rapaces con idades de entre 3 e 5 anos) serán agasalladas con este libro.

Un obradoiro para aprender palabras, lembralas e incorporalas ao día a día.