Cociña de contos

Cociña de contos

20/09/2013

Iratxe López de Munáin gaña o Premio Europeo de Ilustración “Cociña de contos”

Iratxe López de Munáin gañou o “PREMIO EUROPEO ‘COCIÑA DE CONTOS’ Á MELLOR PROPOSTA DE ILUSTRACIÓN PARA O ÁLBUM ILUSTRADO HANSEL E GRETEL“. Este certamen é unha das principais accións do programa Cociña de contos. Europa á carta e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.

 

O seu traballo chegou á final, xunto a outros catro, tras un proceso de selección previa entre os 161 presentados procedentes de toda Europa. Os outros finalistas son Josep Rodés (Barcelona), Sandra de la Prada López (Barcelona), Anna Stosik (Polonia) e Natalia Uryniuk (Polonia), esta última tras converterse a súa ilustración na máis votada en Facebook: un total de 1.435 “Gústame”, en tan só unha semana.

 

Ademais dos 3.000 euros en metálico, o premio outorga á ganadora a ilustración do álbum que se editará en galego, español, portugués e polaco. O libro presentarase no Salón do Libro de Pontevedra 2014, que colabora con Cociña de contos. Europa á carta, onde Iratxe López de Munáin impartirá obradoiros.

 

Este proxecto tamén terá a súa vertente musical, xa que a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra interpretará a peza musical inspirada en Hansel e Gretel, cuxo resultado poderá gozarse no CD que acompañará ao álbum. Este material, xunto á correspondente unidade didáctica, incluirase na Despensa de Contos.

 

Os traballos dos quince finalistas no concurso formarán parte, xunto ás ilustracións premiadas, dunha exposición itinerante que, ademais de en Pontevedra, estará en cidades de Portugal e Polonia. En Madrid poderá gozarse na Casa del Lector.