Dúas series infantís de animación audiovisual de OQO, mellor iniciativa editorial de 2011

Dúas series infantís de animación audiovisual de OQO, mellor iniciativa editorial de 2011

9/03/2012

Os Premios Ánxel Casal da Edición de Galicia da AGE recoñecen o carácter innovador no ámbito editorial de Os contos do camiño e Caracois, que se emiten na tvG2

As series infantís de animación Os contos do camiño e Caracois da sección audiovisual de OQO editora, OQO filmes, obtiveron ?por decisión unánime do xurado? o Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011.
Esta é unha distinción coa que os Premios Ánxel Casal da Edición de Galicia da Asociación Galega de Editores (AGE) recoñecen proxectos de carácter innovador e que potencien o ámbito editorial nos distintos xéneros.

O galardón coñeceuse hoxe no transcurso da VII Noite da Edición 2011, que se celebrou en Santiago de Compostela. Na convocatoria de 2010 xa recoñecera como finalista nesta categoría o proxecto europeo, coordinado por OQO editora, ‘Os contos do Camiño’. En 2009, o álbum A grande viaxe tamén obtivo no mesmo certame o Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado.

Os contos do camiño e Caracois emítense na tvG2 desde maio de 2011. Ademais, no caso da primeira serie, tamén no Canal Encuentro da Arxentina; e na televisión pública finlandesa YLE. En ambas, OQO filmes adapta os álbums ilustrados da editorial ao formato audiovisual, a través da técnica de animación stop-motion. A difusión internacional do catálogo de OQO e a popularidade alcanzada por moitos dos títulos entre os nenos e as nenas de diferentes países, supuxeron unha oportunidade para o éxito de acollida entre o público infantil.

A presenza no mercado de librarías, no sistema educativo e nas bibliotecas públicas de toda Galicia fan que os personaxes reflectidos nas series estean a resultar próximos a milleiros de cativos. Deste xeito, os rapaces estar a ter a oportunidade de volver gozar das historias de contos tan coñecidos como A bruxa regañadentes, Corre corre, cabaciña, Chocolata, Ollobrusco, Rato Tom e Rata Tomasa, A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín…

Igual que cos libros de OQO editora, a filosofía de OQO filmes remite a unha aposta por un entretemento para os cativos de calidade e en galego: boas historias que merecen ser contadas, sexa en libro ou en filmes.
Esta calidade está avalada por recoñecementos internacionais. O último deles, o Premio Especial do Xurado no Festival Brasil Stop Motion 2011 a seis curtas de Os contos do Camiño. De igual xeito, esta serie foi candidata á mellor serie de animación na última edición do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia). E tamén foi seleccionada na 50 edición do Festival Internacional de Cine para Nenos de Zlin (República Checa) e no Festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado por OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil).

OS CONTOS DO CAMIÑO
Consta de 26 capítulos de 10 minutos de duración e está dirixida a un target de 3 a 7 anos aínda que, en realidade, as historias que conta poden ser gozadas por todos os públicos. Cada un deles corresponde á adaptación dunha historia tradicional ou contemporánea publicada en forma de álbum ilustrado por OQO editora.
Profesionais internacionais de prestixio firman cada un dos capítulos. Entre eles están os recoñecidos animadores mexicanos Luis Téllez (director dos filmes premiados en Brasil A grande viaxe, A cousa que máis doe do mundo e A incrible historia da nenapaxaro e o galopín), Karla Castañeda (que dirixiu Fiz, o coleccionista de medos, baseado na obra homónima da escritora Fina Casalderrey) e Juan Medina (director de A pota que trota); o arxentino Ismael Mon; o portugués Carlos Pinto; o premiado cun Goya á mellor curta de animación, Coke Riobóo e os galegos Borxa Guerrero (director do tamén galardoado E que podo facer eu?) e Iván Prieto.

CARACOIS

Caracois está dirixida a un público de entre 2 e 4 anos de idade ( target preschool). Os capítulos, de seis minutos de duración, están baseados nas historias de Caracois (Armando Quintero e André Letria). Cinco libriños editados en cartón duro e pequeno formato da colección NanOQOs, destinada aos prelectores.

En Caracois visualízase un mundo de relacións infantís desde a perspectiva duns animaliños de xardín. Son a súa forma de vida, as súas relacións, os seus xogos, os seus conflitos, as súas aventuras, a través duns protagonistas cunha psicoloxía predeterminada e precisa, e que encarnan así mesmo tipos, os que tecen este mundo complexo e interrelacionado.

Aínda que a función de entreter é primordial, cabe na serie unha compoñente ‘didáctica’ que axude o neno a ver, dunha forma inconsciente, condutas que comportan valores éticos e cidadáns fundamentais.

O traballo, a solidariedade, a amizade, o amor, a arte nas súas múltiples facetas (música, danza, teatro, etc.), o xogo como aventura e procura, por unha banda; e os perigos, os medos, os sustos, por outra, conforman un universo complexo de múltiples interaccións das que sempre se obterá aprendizaxe e diversión.