COLEXIOS DE BURELA E O VICEDO (LUGO). A carpa iglú de ‘ContoQontigo’

COLEXIOS DE BURELA E O VICEDO (LUGO). A carpa iglú de ‘ContoQontigo’

27/10/2009

Uns 200 nenos e nenas de Burela e O Vicedo (Lugo) gozarán da carpa iglú da campaña ContoQontigo que fomenta a lectura en galego de xeito creativo. A Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a través da Área de Cultura e Deporte, e OQO editora volven pór en marcha estas actividades por segundo ano consecutivo.
Nestas sesións emprégase o conto como un vehículo de aproximación á interculturalidade e á creación artística, mediante o que desenvolver o espírito crítico nos nenos e nenas, e ofrecer os medios para aprender novas formas de mirar.
A Vicepresidencia Primeira da Deputación pretende así que todos os rapaces e rapazas que vivan en calquera concello de Lugo, por pequeno que sexa, poidan ter acceso ás mesmas actividades das que gozan os que viven nas vilas e cidades.
En Burela e O Vicedo uns 200 pequenos e pequenas de centros de ensino do rural gozarán das sete sesións que se desenvolven na carpa iglú nos colexios:

BURELA
Martes 27 de outubro
CEIP Virxe do Carme
12.00 horas: 18 nenos e nenas.
13.00 horas: 18 nenos e nenas.

Mércores 28 de outubro
CEIP Virxe do Carme
11.00 horas: 20 nenos e nenas.
12.00 horas: 20 nenos e nenas.
13.00 horas: 20 nenos e nenas.

Xoves 29 de outubro
CEIP Virxe do Carme
11.00 horas: 20 nenos e nenas.
12.00 horas: 20 nenos e nenas.
13.00 horas: 20 nenos e nenas.

O VICEDO
Venres 30 de outubro
CEIP do Vicedo
11.00 horas: 20 nenos e nenas.
12.00 horas: 18 nenos e nenas.

Na anterior edición participaron nas actividades de ContoQontigo máis de 600 cativos de 15 concellos do rural lucense. Neste ano serán máis de 800 os que gocen da experiencia especial de viaxar polo continente africano da man do álbum Chocolata.
Nesta historia, creada pola autora sarriá Marisa Núñez (galardoada co Premio Internacional ESPACE ENFANTS 2007), unha hipopótama decide saír da súa lagoa e vivir novas experiencias na cidade, nunha viaxe na que aprenderá a valorar o seu contorno.
ContoQontigo desenvólvese nunha carpa iglú que se instala nos centros escolares. Alí, Raquel Méndez e Eva Vila levan a cabo unha innovadora actividade na que os pequenos e pequenas participan dunha maneira interactiva na historia: proban o doce máxico que os fai entrar no conto; xogan coas imaxes a reinventar a historia; e póñenlle a banda sonora á narración. Esta experiencia creativa permítelles aos formadores traballaren coa lectura dunha maneira lúdica.
As sesións teñen unha duración de 50 minutos e están destinadas a nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de Educación Primaria cun máximo de 15 rapaces por sesión. A Área de Cultura da Deputación está a dotar todos os centros participantes cun lote de libros co obxectivo de traballar o álbum ilustrado antes e despois do desenvolvemento da campaña.
As actividades iniciáronse en xuño e a segunda quenda, que comezou en Chantada, continuou polo Vicedo, Samos, Triacastela e Burela.