Chega a Muros o obradoiro para as familias

Chega a Muros o obradoiro para as familias

21/01/2011

Chega a Muros o obradoiro para as familias EU FALO ASÍ que amplía competencias orais e escritas en galego coa música de “A nena e o grilo” e o conto “O embigo de Xanecas”

Esta actividade forma parte dos obradoiros “En clave de conto” de OQO editora para a campaña Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)

As familias de Muros poderán participar hoxe no Obradoiro para as familias EU FALO ASÍ. Esta actividade gratuíta realizarase ás 18.30 horas na Biblioteca Municipal deste concello coruñés e nela procúrase reforzar o uso do galego no contexto afectivo, desenvolvendo a competencia oral e escrita.

Este taller ten a súa orixe na canción ‘Cri-cri’ de A nena e o grilo. A partir deste tema as familias xogarán a identificar as distintas linguas da peza (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro…) e o seu idioma principal: o galego.

Neste obradoiro traballarase tamén co álbum O embigo de Xanecas da colección O de OQO editora. Por este motivo, as familias participantes (con rapaces con idades de entre 3 e 5 anos) serán agasalladas con este libro.

Este taller forma parte das actividades de En clave de conto para o programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A finalidade é achegar as nenas e os nenos ao galego no plano da lectura e no da escoita, ao tempo que educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a lingua.

200 PERSOAS NO CONCERTO DE A NENA E O GRILO

Deste xeito, o pasado venres celebrouse en Muros o concerto-espectáculo teatral A nena e o grilo, ao que acudiron unhas 200 persoas.

Músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio no ámbito musical e escénico —coma o ourensán Magín Blanco e a contacontos Charo Pita— protagonizaron esta montaxe multidisciplinar, baseada no conto-cd co mesmo nome de OQO editora e que foi repartido gratuitamente ás familias asistentes.

MUROS
OBRADOIRO 21 xan. 2011. 18.00 h
Biblioteca Municipal, estrada de Miraflores
tel. 981 762 294