BOLOGNA. OQO editora dá o salto á produción audiovisual con OQO filmes

BOLOGNA. OQO editora dá o salto á produción audiovisual con OQO filmes

25/03/2010

As producións de animación audiovisual en stop-motion serán distribuídas no mercado nacional e internacional por Imagina International Sales

Ambas empresas presentaron este acordo na Bologna Children’s Book Fair

A editorial galega OQO editora acaba de dar o salto á produción audiovisual con OQO filmes, cuxas propostas de animación serán distribuídas no mercado nacional e internacional por Imagina International Sales.

OQO filmes e Imagina International Sales presentaron hoxe na Bologna Children’s Book Fair o acordo de distribución, coincidindo coa participación de OQO editora neste prestixioso certame do libro infantil e xuvenil.

Desde a fidelidade ao proxecto editorial de OQO editora, OQO filmes proponse adaptar os álbums ilustrados ao formato audiovisual a través da animación en stop-motion: historias de calidade que desde a tradición oral van encontrando diferentes soportes —texto, imaxes, audiovisual…— ante a necesidade de ser contadas, escoitadas e transmitidas.

Pola súa banda, a distribuidora española Imagina International Sales completa así a súa oferta televisiva con produtos de grande calidade e excelente contido de animación audiovisual que presentará durante o vindeiro MIP TV -Mercado de Contidos Audiovisuais, unha das principais feiras do sector que se celebra en Cannes (Francia) do 12 ao 16 de abril.

O primeiro produto audiovisual de OQO filmes que Imagina International Sales distribuirá no mercado nacional e internacional será a serie de animación infantil Os contos do camiño-Never Ending Tales.

SERIE DE 26 CAPÍTULOS
Os contos do camiño-Never Ending Tales é unha serie de 26 capítulos de dez minutos de duración cada un. Cada unha das historias é independente e está inspirada en contos de tradición oral de diferentes culturas e en textos contemporáneos de referencia escolmados entre o centenar de títulos de OQO editora.

Aínda que realizados cun mesmo soporte técnico, o stop-motion, diferentes profesionais internacionais de prestixio firman cada un dos capítulos. Entre eles están o recoñecido animador mexicano Luis Téllez, o arxentino Ismael Mon, o portugués Carlos Pinto, o premiado cun Goya á mellor curta de animación, Coke Riobóo e o galego Iván Prieto.

En todos eles se ofrecen suxestións creativas que recollen diferentes sensibilidades artísticas e universos plásticos distintos e innovadores. E todos teñen en común a mesma finalidade: ofrecerlle entretemento de calidade ao público infantil.

Bologna Children’s Book Fair
15,00h – Screening Room – Kids Licensing Forum – Hall 31:
Presentación de OQO Filmes:
‘Do álbum ilustrado á Animación Audiovisual
Quality Entertainment for Children’.
Eva Mejuto, OQO editora
Marcos López, OQO filmes
Géraldine Gonard, Imagina International Sales