O último canto

O último canto

25/03/2010

BOLOGNA. ‘O último canto’ de OQO editora, seleccionado nos White Ravens 2010 entre os mellores libros infantís do mundo

O álbum de OQO editora O último canto (Pablo Albo e Miguel Ángel Díez) foi elixido como un dos mellores libros infantís do mundo pola Internationale Jugendbibliothek de Munich (Alemaña) que o incluíu no seu catálogo The White Ravens 2010 e cos que organiza anualmente unha exposición no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bologna.

A institución alemá fai cada ano unha selección dos mellores libros infantís entre os milleiros que se publican en todo o planeta e aos que outorga esta distinción The White Ravens. A elección de 2010 está conformada con 250 libros infantís e xuvenís en máis de 30 idiomas e procedente duns 50 países.

Os libros distinguidos co White Ravens forman parte dun catálogo en lingua inglesa que inclúe informacións bibliográficas e recensións dos 250 libros e tamén dunha mostra que se exporá no stand da Internationale Jugendbibliothek na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bologna (29 B56).

O último canto (editado en galego, español e, en breve, en portugués, inglés, francés e italiano) enfronta dun xeito entrañable e natural a morte, un concepto difícil de comprender para os nenos e de explicar para os adultos. No libro, Pablo Albo trata de explicar as diferentes etapas afectivas que se experimentan tras a perda dun ser querido: o dó, a aceptación, e finalmente, o recordo.

Este álbum procura que os máis pequenos se acheguen con normalidade ao fenómeno da morte e aprendan a valorar a vida. Ademais, dun modo simbólico, a historia salienta a transmisión de coñecemento como un elemento clave no proceso de maduración e crecemento emocional.

Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bologna
Presentación Exposición The White Ravens 2010
DÍA: 25 de marzo
LUGAR: stand da Internationale Jugendbibliothek (29 B56).
HORA: entre as 10:00 e 12:00 horas.