Os ruídos de orixe descoñecida, e máis se son nocturnos, xeran desasosego e disparan a imaxinación. Construímos na nosa mente monstros e animais feroces que nos poden devorar ou criaturas de intencionalidade incerta.
O obxectivo do obradoiro artístico-sonoro de OQO editora, baseado no álbum O señor Ramón e a señora Ramona, é aproveitar ese caudal de inventiva e creatividade —maior canto máis adultos somos— para dar forma plástica ao que a imaxinación nos suxire, a raíz duns ruídos estraños.
O taller poñerase en marcha coa lectura do conto de OQO; nel dous asustadizos avós imaxínanse todo tipo de animais, improbables nunha cociña, tras escoitar un simple ric-ric-ric.
Os nenos e nenas participantes serán sometidos a unha experiencia similar. Divididos en grupos, cada un deles escoitarán diferentes sons. A partir desta audición, deberán construír os animais, criaturas, monstros… que lles suxire o que acaban de escoitar.
Contarán cunha ampla gama de texturas e materiais plásticos que lles faciliten poder dar forma ao que ese son espertou na súa imaxinación. Unha vez que crearon o personaxe, deberán ademais dotalo de hábitos, características, costumes…
Deste xeito, ampliaremos a capacidade artística dos pequenos, ao acadar a creación dun completo universo plástico-literario, a partir unicamente de ruídos ou onomatopeas. Un divertido reto creativo.
LUGAR: Instituto Cervantes de Nápoles (Italia).
NÚMERO DE PARTICIPANTES: 25 por obradoiro.
IDADE: 8 – 12 anos.
DURACIÓN: 3 horas.