Antón Fortes presenta en Sarria

Antón Fortes presenta en Sarria

27/12/2010

Antón Fortes presenta en Sarria (Lugo) ‘Á sombra dos anacardios’, a súa segunda incursión na colección solidaria de Qontextos

O escritor Antón Fortes volve ao álbum ilustrado con Á sombra dos anacardios, para advertir do grave problema da SIDA na poboación infantil do continente africano

OQO editora publica este libro coa colaboración da ONG Asemblea de Cooperación pola Paz

O escritor galego Antón Fortes (Sarria, 1957) presentou na súa localidade natal Á sombra dos anacardios (OQO editora, 2010) no que aborda o grave problema da SIDA na poboación infantil de Guinea-Bissau. Este traballo supón a súa terceira incursión no álbum ilustrado, tras Fume (White Raven 2009) e Caderno de animalista (Segundo Premio Libro Infantil e Xuvenil Mellor Editado 2008 polo Ministerio de Cultura).

Asemade, este traballo tamén supón o terceiro título de Qontextos, colección de OQO editora na que repite Antón Fortes. O autor galego abriu con Fume esta serie que, desde unha perspectiva solidaria, pretende contribuír á educación en valores e invitar á colaboración para mellorar as condicións da poboación infantil máis desfavorecida.

Neste álbum preténdese advertir da alta porcentaxe da poboación infantil afectada pola SIDA en Guinea-Bissau. Este país africano é un dos que rexistra maior subdesenvolvemento de todo o mundo. Por este motivo, enfermidades infecciosas ou de transmisión sexual quedan sen tratar, o que provoca que se agraven e cheguen a producir a morte. A mortalidade infantil, causada por esta desatención en saúde, é moi elevada no país: de cada mil nados vivos, 105 bebés morren antes de cumprir un ano.

OQO editora contou neste álbum coa colaboración da Asemblea de Cooperación pola Paz, que traballa neste país co Ministerio de Saúde e as comunidades locais en proxectos para a construción e dotación de infraestruturas sanitarias, a formación de persoal cualificado e a sensibilización social sobre a importancia da saúde. O autor cedeulle os dereitos do libro a esta ONG, tal e como fixo con Fume para a ONGD Creart.

En Á sombra dos anacardios, igual que en Fume, Fortes mantén viva a esperanza. En pleno entroido de Bissau, na vida da pequena protagonista fai acto de presenza a máscara da morte e con ela o medo. No entanto, esta terrible figura é contrarrestada cos coidados e alento do doutor Vieira. Fiel á actitude vital desta poboación, Antón Fortes transmite a capacidade de seren felices destes pequenos, a pesar do oprobio económico e enfermidade, que non é obviada polo autor. Así, o día da festa de entroido, as risas e os bailes nos que todos participan vense ensombrecidos por unha canción sobre a SIDA.

Un sabor agridoce no que o amargor non gaña a loita. Deste xeito, se no colexio lles ensinan palabras novas como epidemia, praga de lagostas… tamén forman parte da aprendizaxe outras como cooperación e marimba, de clara connotación positiva. Ademais, logo da escola, o traballo na casa e na rúa, e as visitas ao hospital, a pequena ten un refuxio: o anacardio. A elección desta árbore non é gratuíta, xa que abunda neste país africano. Precisamente, o froito, do mesmo nome e comestible, é de sabor agridoce e a súa pel ten propiedades medicinais, polo que é utilizada en produtos farmacéuticos.

A ilustradora italiana Simona Mulazzani viste esta árbore protectora con cores moi ligadas ao continente africano: verde, amarelo e vermello intensos. A aposta por cores vivas e por personaxes de aparencia forte e saudable incide na mensaxe positiva e esperanzadora do relato de Antón Fortes: ‘Quizais o próximo entroido, a máscara será vermella e terá forma de corazón, como un anacardio, porque a solidariedade fai desaparecer a dor, a miseria e a morte, e acende unha candea de esperanza en África’.

ACTO DE PRESENTACIÓN en:
CARME RODRIGUEZ ARTE E ANTIGÜIDADES

INTERVEÑEN:
Antón Fortes
Marcos López (OQO editora)
Alejandro Quiñoá (Asamblea de Cooperación por la Paz)

DATA: 27 de decembro de 2010
HORA: 20.00 horas