Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (FILIJ)

Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (FILIJ)

12/11/2013

 

Álbums e obradoiros audiovisuais de OQO na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (FILIJ) de México

OQO está presente na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (FILIJ) de México, que se celebra desde o pasado venres, día 8, ata o 18 de novembro. 

Os libros de OQO están no expositor propio que Colofón, editorial mexicana coa que colabora, ten na FILIJ, mentres que os obradoiros infantís de animación en stop-motion “Eu tamén animo!” levaranse a cabo no Centro de Capacitación Cinematográfica, durante esta semana (do 11 ao 17 de novembro).

Con estas actividades audiovisuais, escolares da capital mexicana descubrirán que as propostas de autores e ilustradores non rematan nas páxinas dun libro, os personaxes cobran vida e saltan do álbum á pantalla.

Os pequenos converteranse en guionistas, directores e animadores para crear todos xuntos unha curtametraxe de animación coa técnica de stop-motion (creación de movemento foto a foto).

Os personaxes do conto de OQO A escaleira sairán do papel e, a través da plastilina, cada grupo de participantes animará unha secuencia con imaxe e voz.