‘Montañas na cama’

‘Montañas na cama’

30/01/2014

‘Montañas na cama’, galardoado entre os mellores libros infantís latinoamericanos

O álbum ilustrado Montañas na cama, escrito pola narradora oral Maricuela e ilustrado por Sonja Wimmer, foi galardoado pola Fundación Cuatrogatos entre os mellores libros infantís iberoamericanos.

Cuatrogatos, fundación destinada á promoción da literatura infantil con sede en Miami, recoñece con esta distinción a calidade literaria e plástica das obras premiadas.

O obxectivo deste recoñecemento é “destacar os valores das obras premiadas para que cheguen ao maior número posible de fogares, escolas, bibliotecas e outros espazos onde se propicie o encontro dos lectores mozos con obras de calidade. Tamén é un recoñecemento aos escritores, ilustradores, deseñadores gráficos e editores dedicados á produción de libros para a infancia e a mocidade”.

ABORDAR A SEXUALIDADE NUN LIBRO PARA NENOS

Montañas na cama é un álbum orixinal e divertido, no que se aborda a sexualidade con moito humor, naturalidade e tenrura. O protagonista da historia, Martín, escoita ruídos estraños no cuarto dos seus pais e interpreta de modo moi particular o que alí acontece. A imaxinación infantil dará lugar a un relato hilarante, con escenas tremendamente cómicas.

O humor e a inocencia son, nesta obra, un instrumento para restarlle seriedade a un tema que aos pais lles resulta, con frecuencia,  embarazoso abordar cos seus fillos. Maricuela escribiu esta historia para facilitar ás familias que traten “con máis frescura o tema da sexualidade, para que o neno non se quede con sensación de fraude logo de oir as explicacións dos seus progenitores”.

As ilustracións acompañan e interpretan con naturalidade, frescura e delicadeza o texto. Sonja Wimmer afirma que o mellor xeito de ser fiel ao espírito da historia foi realizar un traballo plástico “baseado no humor, a esaxeración e algo de poesía”.