Galego | Español | Euskera | English | Português | Français | Italiano | Polski | Português BR
 
 
 
 
Inicio | OQO editora | Colección O | A escaleira

Menú de Usuario

 
 


Colección O  







A escaleira

Beatriz Montero & Raúl Nieto Guridi
13,50 € | 978-84-9871-383-1
28 páxs. | cartoné | 25x23 cm |
maio 2012

O carteiro subiu, subiu, subiu pola escaleira.. Chamou á porta: Din-don! Din-don! Non había ninguén. Deixou a carta no chan… … e baixou, baixou, baixou pola escaleira.
 
Esta acción repítena, co mesmo resultado infrutuoso, o zapateiro, o xardineiro e o panadeiro. Deste xeito, enriba da carta depositada ante a porta do cuarto piso acaban acumulándose un par de zapatos, un ramo de flores e unha barra de pan ata que entra en escena unha nena resolta.
 
Do mesmo xeito que o resto de personaxes, a pequena sobe pola xa coñecida –para o lector– escaleira ata o tamén consabido cuarto piso. Unha vez alí, o relato dá un xiro inesperado, grazas á espontaneidade e picardía da pequena que resolve con graza e de inmediato toda a trama.
 
A escaleira é un conto orixinal de Beatriz Montero que recrea a adquisición da linguaxe nos nenos de pouca idade. Cada chanzo é unha pequena conquista da súa mente. O carteiro, o zapateiro, o xardineiro e o panadeiro soben a escaleira e van deixando os nomes dos seus oficios e algúns obxectos ante a porta. Deste xeito, aprenden aos poucos novas palabras e conceptos. “Non entenden todas as palabras que escoitan, pero a repetición axúdalles a gravalas na súa memoria”, subliña a escritora.
 
Con este conto, Beatriz Montero pretende espertar as capacidades intelectuais dos máis pequenos. Por iso, ten unha estrutura sinxela e repetitiva que facilita a memorización e o xogo de interacción cos nenos. “Subir e baixar a escaleira dota o conto dun movemento divertido, por onde pasan personaxes con diferentes oficios”.
 
Cada oficio é un chanzo necesario na vida cotiá, e todos son igual de importantes. O panadeiro fai o pan para comer, o zapateiro arranxa os zapatos para camiñar, o xardineiro coida as plantas e as árbores, o carteiro reparte as cartas e conéctanos cos que viven lonxe.
 
E como todos son igualmente importantes, todos fan o mesmo no conto: soben, chaman á porta, deixan un obxecto, e baixan a escaleira. “Coñecer as diferentes profesións axuda ao desenvolvemento social do neno nun mundo que está descubrindo”, incide Beatriz Montero.
 
O xogo de onomatopeas (Din-don! Din-don!), reforzado pola ilustración, dálle un ton lúdico á narración e marca un ritmo que –no caso de ser contada– permite a participación dos que a están escoitando. Respecto diso, Beatriz Montero apunta que os nenos moi pequenos necesitan que as pegadas do conto sexan reiterativas e evidentes para recordalas, memorizalas e repetilas.
 
“Aos nenos gústalles aprender de xeito lúdico e afectivo”, apunta. Ademais, destaca que A escaleira lles axudará a interiorizar conceptos espaciais: como “arriba e abaixo” ou “dentro e fóra” (a porta pechada que finalmente se abre).
 
Este relato mostra tamén unha nena autónoma que toma por si soa as decisións de subir a escaleira, recoller as cousas que están no chan, pór as flores no pelo, colocar os zapatos e comer o pan. “A independencia proporciona confianza e autoestima. Por iso a nena berra Ábreme!, porque ten a seguridade de que o seu avó lle vai abrir a porta”, aclara Beatriz Montero, quen busca con este final incidir na importancia dos lazos afectivos entre a nena e o avó: “ese amor que abre todas as portas”.
 
A rapidez no desenvolvemento das accións fai máis sinxelo o seguimento da trama. Ademais, a construción da historia prodúcese de tal modo que esperta a curiosidade e alimenta o interese por coñecer o desenlace.
 
O relato é perfectamente comprensible a través das ilustracións. Basta con seguir as peripecias duns personaxes divertidos e con estilo propio aos que dá vida Raúl Nieto Guridi con “poucos aderezos” e xogando simplemente co “lapis” e certas “texturas”.
 
O ilustrador andaluz expuxo a narración visual como “un xogo” cunha posta en escena “divertida”. Nel participan: “unha escaleira, uns personaxes que soben e baixan e unha nena que pecha a trama con tenrura (e certa picardía)”.
 
A escaleira é representada nas ilustracións como “un elemento solto e cambiante”, ao que Raúl Nieto lle concede a mesma importancia que aos personaxes “e estes teñen a súa propia peculiaridade en función do seu oficio”.
 
Así, todos están caracterizados de modo que, sen necesidade do texto, o lector recoñece a profesión. Ademais, o relato visual desenvólvese coma se os personaxes fosen elementos dunha tremoia: “un conxunto de personaxes de teatro para representar unha obra aloucada cun final feliz e divertido”.
 
Texto de Beatriz Montero
Ilustracións de Raúl Nieto Guridi
 
Tradución do castelán de Marisa Núñez

+ 3 anos
Tamén dispoñible en: ES
 
 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
© OQO. Reservados todos os dereitos